Blogs
Home/entertainment/Nie vergessen

entertainment

Nie vergessen

Nie vergessen
By Juan L. Blanco Valdés | February 03, 2025 | entertainment

C on metáfora mariñeira, o vello lobo de mar Shanti Andía cría que botar a sonda na sima da perversidade humana é arriscarse a non tocar fondo. Eu tamén o creo. A mediados dos 80, un día frío e cinsento de inverno, na compaña dalguén daquela moi especial, e nun estado de notable excitación emocional, visitei o campo de concentración de Bergen-Belsen preto de Hannover, onde faleceu, por certo, Ana Frank. Teño reflexionado moito sobre esta visita e aínda creo sentir certo arrepentimento de tela feito. Simplemente non aprendín nada que non intuíra xa e, por moito tempo, acompañoume un desacougo inimigo do sono cada vez que lembraba o campo. Pouco despois tiven oportunidade de visitar o Konzentrationslager (en realidade Vernichtungslager : campo de exterminio) dunha localidade do sur de Polonia chamada Oswiecim (Auschwitz, en alemán), e, naturalmente, dixen que non. Para que? Aquel día en Bergen-Belsen sentín que o frío era especial, que o lazo da terra era moi duro, e non era, claro, o frío do corpo o que sentía, era o frío da alma que se sabía no espazo físico de tanto sufrimento. Apelar a que a humanidade non debera esquecer leccións como as que agochan os campos nazis resulta lamentablemente inútil, pois, oitenta anos despois da liberación de Auschwitz, a humanidade segue esquecendo sistematicamente as leccións da historia. Será unha cuestión de número? Xustificará o esquecemento destas leccións a distancia que media entre 45.000 palestinos aniquilados en Gaza e un millón de xudeus aniquilados en Auschwitz? Para alén de tópicos formar unha opinión sobre o acontecido en Auschwitz implica criterios éticos que, ao meu xuízo, só pode iluminar unha reflexión crítica sobre as condicións sociais de entreguerras, unha das épocas máis convulsas da historia do mundo. Teño para vostede dúas suxestións de lectura: unha, a nosa magnífica edición de Eichmann en Xerusalén (1963), de Hannah Arendt, con prólogo de Fina Birulés e tradución de Jesús Saavedra; outra, a monumental novela de Jonathan Littell As benévolas (2006); e as detalladas memorias do Sturmbannführer da SS Maximilian Aue. A min axudáronme a unha pálida comprensión do incomprensible. Nie vergessen [Nunca esquezas]. También en La Voz Olga Suárez P. V.

SOURCE : lavozdegalicia
RELATED POSTS

LATEST INSIGHTS